A Consellería de Cultura destina 35.000 euros á mellora das infraestruturas culturais en Vedra

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará con 35.000 euros a dotación de equipamento sociocultural no Concello de Vedra.

O conselleiro Román Rodríguez e mailo alcalde da localidade, Carlos Martínez Carrillo, asinaron hoxe o convenio de colaboración a través do cal se renovará e ampliará equipamento do centro sociocultural de Santa Eulalia de Vedra, da casa da cultura de Santa Cruz de Ribadulla e do local sociocultural Casa da Cruxa de San Xián de Sales.

Ao abeiro deste acordo, procederase á renovación e/ou dotación de equipamento dos espazos escénicos dos edificios mencionados. Deste xeito disporán de equipos de son, telón de escenario e cortinaxe para caixa negra, renovación de iluminación, pantalla de proxección eléctrica, proxectores e cadeiras, entre outros.

O obxectivo principal desta colaboración institucional é que os veciños de Vedra conten cunhas instalacións socioculturais dotadas co equipamento necesario para o seu uso. A participación da Xunta nesta iniciativa enmárcase dentro das liñas de actuación da Consellería de Cultura e Educación para garantir unhas infraestruturas de carácter sociocultural en condicións óptimas ao servizo da cidadanía e, de forma xeral, asegurar o acceso á cultura en igualdade de condicións de todos os galegos e de garantir que estas actuacións respondan ás demandas sociais da poboación.