Ulla Elemental - Programa educativo
Cartafoles de recursos didácticos
Achegar unha realidade tan próxima e tan allea como é hoxendía a da terra da Ulla en xeral, e a do Concello de Vedra en particular, é a finalidade principal que persegue o Programa Educativo Ulla Elemental; ensalzando valores e o respecto pola terra e os recursos que ela ofrece, para recoñecerse tamén nesta outra identidade, orixe de tódalas demáis. Un acercamento sin complexos a un lugar cunhas características propias de territorio: a existencia dunha cultura recoñecida (historia propia), os recursos patrimoniais (froito da súa historia), a paisaxe (flora e fauna) ...
A auga e a terra, elementos omnipresentes e, por ende, condicionantes directos das principais actividades xeradoras da súa propia riqueza -producción agrícola (horta, xardín, viñedo....), gandería, pesca fluvial, entre outras– están tamén fortemente ligados ao seu patrimonio histórico-cultural, pois debe destacarse entre outras das singularidades deste Concello o significativo número de construccións civís – pazos, pontes, muíños...– e tamén relixiosas cun referente artellador: o río Ulla.
Non podemos esquencernos das festas e celebracións (festas do ciclo anual: entroido, San Xoán, Magosto...; festas gastronómicas: do viño, da augardente, da orella; festa da camelia, festas patronais e do verán...) nin da música, nin da tradición oral...
Estamos a falar de patrimonio, de todo aquelo que reflexa a nosa forma de sentir, de saber e de vivir. Referímonos ó pasado e ó presente; un pasado que fundamenta a identidade, ese feito diferenciador que se consolida como un aporte particular á universalidade. Neste senso, é preciso concebir o patrimonio como un activo endóxeno e como un factor para o desenvolvemento sostible, motivo polo que debemos coñecelo, valoralo e actuar pola súa preservación; isto sempre considerando que o benestar social ten as súas bases nesa mesma cultura da memoria, que con este traballo propiciamos e outros esquecen.
O Programa Educativo Ulla Elemental comeza a dar os seus primeiros pasos nos inicios de 2005, a partir dunha serie de reflexións contrastadas con mestres que imparten clases nas escolas do Concello de Vedra e con outros profesionais do ámbito socioeducativo. Resólvese que cómpre suscitar as conciencias, educar as sensiblidades e provocar sinerxias arredor do noso patrimonio, xerando posibilidades culturais, económicas, de cohesión social e identitarias. De aí en adiante artéllase o programa tendo presente a potencialidade e importacia da educación no patrimonio, entendida como unha acción educativa sobre os bens colectivos que a nosa xeración posúe, bens culturais que queremos manter e conservar, posto que os dotamos de valor, sen temer revisalos ou relelos para melloralos.
O propio nome do programa fundamenta a filosofía do mesmo. Dunha banda, o Concello de Vedra, por extensión, comparte os valores da terra da Ulla; da outra, o “elemento”, cada un dos principios fundamentais dos antigos gregos: terra, lume, auga e aire (presentes en todo lugar). “Elemental” é algo de doada comprensión (o patrimonio desta terra éo). Co nome de Ulla Elemental preténdense consolidar as dimensións culturais, sociais e económicas do patrimonio do Concello de Vedra, concedéndolle un alto valor estratéxico de carácter territorial.
Este programa busca contribuír ao desenvolvemento comunitario e á posta en valor dos recursos endóxenos partindo da base da sostibilidade natural, social e cultural, á vez que trata de ofrecer unha alternativa innovadora e cun alto grao de proxección cara ao futuro, polo que aposta pola implicación activa de toda a comunidade socioeducativa.
Os obxectivos xerais que perseguimos son:
-
potenciar o coñecemento do patrimonio natural e histórico-cultural de Vedra e da Ulla, elemento por si só motivador, e entendelo como recurso sostible e signo de identidade;
-
facilitar a relación co medio para que se convirta nun lugar de observación e experimentación;
-
asumir os dereitos e obrigas como cidadáns no respecto ao patrimonio.
No marco desta gran necesidade de informarnos para formarnos en canto ó patrimonio, xurde o proxecto de crear e recopilar recursos e materiais didácticos sobre o Concello de Vedra e a terra da Ulla coa finalidade de desenvolver logo accións formativas de sensibilización para coñecer o entorno, sentilo, investigalo e, ao tempo para organizar a información para logo compartila.
Os cartafoles de materiais e recursos didácticos que se presentan están abertos e sen un final, ao posibilitar que se poidan elaborar ou incorporar outros materiais ao proxecto. En canto aos destinatarios o programa, diríxise fundamentalmente ó público escolar, aos diferentes colectivos e asociacións interesados en afondar no coñecemento do patromonio material e inmaterial do Concello de Vedra, aos veciños e veciñas do Concello e a calquera cidadán de calquera lugar que en calquera momento queira afondar no significado deste noso territorio. Para facilitar o desenvolvemento do traballo, pretendemos desenvolver unha metodoloxía activa, cunha variedade de propostas de actividades que favorezan a abordaxe inter e multidisciplinar dos temas.
Sirva pois, este conxunto de recursos para reconducir o desencontro entre a comunidade e o seu ambiente, coa idea de explorar camiños xa andados cara a un desenvolvemento humano que sexa á vez sostible e equitativo.
“Somos o presente e polo tanto a esperanza”
Iván García García
COORDINADOR XERAL DO PROGRAMA
Xesús Rodríguez Rodríguez
COORDINADOR PEDAGÓXICO
DE MATERIAIS E RECURSOS DIDÁCTICOS
- Loguéarte ou rexístrate para enviar comentarios






















